Rexistros Civís menos íntimos e moito máis caros

19 de abril de 2015

O Goberno entregará a xestión deste servizo público aos rexistradores da propiedade a partir do 15 de xullo. Os traballadores din que o custe pode subir até un 8000%. O PSdeG, que inicia unha ofensiva parlamentaria sobre este tema, culpa ao PP de "mercantilizar a intimidade" por "nepotismo".

A responsable socialista mantivo un encontro con representantes dos funcionarios deste servizo, aos que lles entregou as iniciativas socialistas para frear esta “mercantilización da intimidade cidadá”.

Encarecemento e perda de dereitos


O representante dos funcionarios os rexistros civís, Miguel Ferreiro, explicou que a cesión do servizo aos rexistradores da propiedade, lonxe de ser gratuíta para a cidadanía, suporá un incremento dos custes de entre o 800 e o 6.000 por cento. Advertiu que, ademais dos nacementos, defuncións, matrimonios e demais actos coñecidos, a reforma quere incluír novos actos que deberán pasar por este servizo.

Así, dixo que deberán ser rexistrados tamén os actos de última vontade ou extinción e revocación de poderes –no ano 2014 foron rexistrados un millón de ceses de poderes-, a notificación de domicilios rexistrais, actas autonómicas mentres “abren a posibilidade de inscrición de calquera feito dunha persoa física”.

O representante dos funcionarios chamou a “defender o público” fronte a unha iniciativa do goberno para poñer o servizo en mans de “unha minoría de 122 profesionais” ao tempo que o limitan ás capitais de provincia, no que é un “retroceso aos anos 50”.

Explicou que “xente acude a diario ao rexistro para poder cobrar as súas pensións terá que renunciar a elas porque non poden desprazarse 60 quilómetros ata a capital” e chamou ao goberno a frear a reforma “tal e como fixeron co taxazo xudicial”.

Pola súa banda, Sestayo presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para que o PP e a Xunta se impliquen á hora de pedirlle ao Goberno que “desista da reforma iniciada do Rexistro Civil público e gratuíto tal e como está concibido na actualidade”. Estas iniciativas serán presentadas en forma de moción polos socialistas galegos en tódolos concellos de Galicia para “obrigar ao PP a pronunciarse diante desta agresión contra os servizos públicos”.

A responsable socialista censurou este “acto de negocio e corporativismo de quen nos goberna”, en alusión á condición profesional de Mariano Rajoy como rexistrador da propiedade”. A cesión de datos sensibles da vida cotiá de toda a cidadanía en favor dos rexistradores podería vulnerar ademais a Lei de Protección de Datos, “poñendo en perigo información sobre situacións que afectan ao estado civil e que debe ser protexida”.

Explicou que o Rexistro Civil “ten a súa orixe en 1871 sen que se teña producido ningunha queixa sobre o seu funcionamento”, e sempre foi atendido “por funcionarias e funcionarios da Administración de Xustiza” que fixeron del “un servizo valorado, necesario e visitado por toda a cidadanía en diferentes ocasións na súa vida”.


Publicado o 18/04/2015 en www.galiciaconfidencial.com

Ligazón permanente